Amosando 1783 resultados

Rexistro de autoridade
Unión Villalbesa y su Comarca
AE-CU-UVill · Entidade colectiva · 1909-08-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada na Habana o 12 de agosto de 1909 polos naturais do partido xudicial de Vilalba residentes na illa de Cuba. Dende a súa creación tivo carácter benéfico, mutualista e instrutivo e xa no ano 1912 encabeza a iniciativa dunha suscrición para financiar o "Hospital de Villalba" con Agustín López Arias como principal impulsor do proxecto. No ano 1914 recadan fondos para honrar a memoria de Manuel Mato Vizoso, poñéndolle unha placa conmemorativa na rúa que leva o seu nome en Vilalba. No ano 1925, teñen o proxecto de construír un Hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e teñen aberta unha suscrición permanente para conseguir cartos. Tamén envían xiros en caso de necesidade á súa localidade natal.
A partires de 1936, tras a reforma do seu regulamento, a súa finalidade primordial foi o fomento da amizade entre todos os naturais do Partido Xudicial de Vilalba e prestarlles todos os auxilios morais e materiais ós seus socios.
O seu presidente actual, Antonio Tenreiro Roca, é fillo do anterior presidente, Antonio Tenreiro Rodríguez.

Unión Villalbesa
AE-AR-UVill · Entidade colectiva · 1938 ata 1943, ano no que se fusiona co "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada por un grupo de emigrantes vilalbeses, residentes en Arxentina.
En 1943 os seus socios aproban en asemblea a súa fusión con outras sociedades de emigrantes naturais da provincia de Lugo, para formar o "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unión Trivesa
AE-CU-UTrives · Entidade colectiva · 1921-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade comarcal foi fundada na Habana o 12 de xuño de 1921 polos naturais do concello de Pobra de Trives residentes alí coa finalidade de socorrer aos asociados que por enfermidade, accidente, inutilidade física para o traballo ou necesidade de repatriación o necesitasen, e fomentar por medio de festivais a confraternidade entre os naturais do Partido Xudicial de Pobra de Trives e todos os fillos de Cuba e España; establecer relacións coas sociedades afins, na forma que máis conviñese á defensa dos intereses sociais e, por último, organizar actos culturais e de recreo como conferencias, veladas, etc. para recabar fondos para o fondo social.

En 1938 estivo presidida por Orentino Diéguez.

En 1998 a Xunta de Galicia recoñeceulle a súa galeguidade.