Este centro foi fundado por un grupo de emigrantes galegos, naturais da provincia de Ourense, liderados por Emilio Sampil, ourensán de nacemento e figura destacada da colectividade emigrada en Uruguai. A sociedade foi creada para “unir a todos los hijos de la provincia de Ourense, los oriundos que lo desen y las personas que quieran adherirse”, tal e como se recolle nos estatutos fundacionais.
Según estes, os obxectivos da mesma son: “Unir a todos os fillos e orixinarios de Ourense provincia e capital, nunha amplia solidariedade moral e material; defender a cultura galega sempre e cando non ofreza trabas á fraternidade humana; manter unha sección de información sobre os principais asuntos de Ourense e Galicia na produción artística e científica; realizar festas típicas, para recreo dos socios e as súas familias”.
Conta cunha sede social da súa propiedade, mercada nos anos 60: trátase dun local situado a 250 m. da Avenida 18 de julio, que conta con secretaría, sala de usos múltiples onde se desenvolve a vida social dos socios (realizan xogos de salón, proxección de videos e diapositivas, pequenas exposicións, conferencias, etc.), un pequeno escenario para espectáculos con capacidade para 300 persoas, un salón de reunións que comunica co bar, biblioteca e unha ampla terraza.
Trátase dunha entidade recreativa e cultural. En colaboración co Patronato da cultura gallega de Uruguay, realizaron a gravación da primeira misa en galego de todo o mundo “Bajo la Cruz de Santiago“.
No centro funciona dende hai anos unha “Oficina de información de turismo” que difunde material publicitario sobre Galicia.
A Xunta de Galicia concedeulles a Galeguidade.
Na actualidade conta con 286 socios dos que 194 son galegos.
Unha parte das súas actividades fainas en colaboración coas outras institucións españolas do Uruguai: ciclos de conferencias e exposicións, competicións deportivas, celebración anual de festas internas, nas que participan tanto o coro como o grupo de danzas de folklore galego da sociedade, ademais do ballet de folklore crioulo do Centro.
Este centro foi fundado por un grupo de galegos orixinarios da comarca de Bergantiños. Entre os seus fundadores pódese mencionar a Manuel Mancebo. Nos seus inicios os socios reuníanse na casa particular dun deles; posteriormente celebraban as súas reunión nun club galego afín, ata que en 1973 mercaron a súa sede social, situada na Avda. Millán da capital uruguaia, que conta con salón de actos, sala de reunións, salón de xuegos, oficina, bar-restaurante, biblioteca, e espazos deportivos: cancha de frontón e ximnasio.
Segundo os estatutos de 1973 as súas finalidades son: "a) Contribuír ao coñecemento da historia, costumes e cultura de Galicia e da República Oriental do Uruguai, e difundir os principios da súa constitución democrática, mantendo o respecto pola institución que rixe; b) organizar actos culturais, artísticos, deportivos e recreativos para o mellor logro dos propósitos enunciados".
O centor organiza diversas actividades sociais como excursións, bailes, comidas de fraternidade, etc., e celebra as festividade de San Xoán e Santa María, así como o aniversario social, o Día de Galicia, etc.
Edita a publicación "Revista oficial del Centro Bergantiños", con carácter anual e gratuíto e o boletín "Bergantiños", publicación oficial do centro, creado en 1986.
Este centro ten recoñecida a Galeguidade pola Xunta de Galicia e forma parte da “Unión de Asociaciones Gallegas del Uruguay”.
Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais da parroquia estradense de Rubín residentes na Habana e seguía o exemplo de sociedades de instrución como a Alianza Aresana. A noticia da súa fundación aparece rexistrada na revista habaneira Galicia, na que se pode ler: «El pasado domingo se reunió en el local de la sociedad regional “Orfeón Ecos de Galicia”, gran número de entusiastas hijos de la colonia de Rubín, iniciadores del proyecto de construcción de un edificio destinado a escuela en donde se dará instrucción gratuitamente a los niños de ambos sexos de aquella circunscripción [...]». Pola súa finalidade instrutiva tamén foi coñecida como Unión Escolar de Rubín.
Como socios fundadores, dun total de 86, citaremos a Francisco Paz Andión (primeiro presidente da entidade e un dos seus principais promotores), José Rodríguez Vila (tesoureiro), Pedro Fragoso Martínez (primeiro secretario), Ramón Taboada, Maximino Baltar, Manuel Paz, Maximino Balseiros, Eduardo Brea, José Besteiro, Felipe Iglesias, Antonio Sedes, Antonio Rodríguez, Manuel Pena e Francisco Pereiras Maceira, entre outros.
Poucos meses despois, nomean ao Sr. Manuel Matos Sanmartín como delegado da sociedade na Estrada, quen se ocuparía de xestionar os cartos enviados dende a Habana para a construción do edificio escolar. Neste crearíanse dúas aulas, unha de nenos e outra de nenas, que debían cumprir as máis modernas condicións hixiénicas e pedagóxicas do momento.
Xa en 1908, na súa memoria social, destacan o labor dos emigrados de Rubín noutros lugares do mundo, como Cádiz, onde se creou unha delegación o 1 de novembro de 1907 presidida por Manuel Balseiros e que, ao pouco tempo de abrir unha subscrición, manda á súa parroquia natal a cantidade de 615 pesetas para este proxecto escolar. Tamén en México inician unha colecta liderada por Manuel Agrelo. En Bos Aires, Marcelino Canabal envía, no nome dos seus veciños residentes na Arxentina, a cantidade de 125 pesetas para este fin.
En 1910, a sociedade habaneira pasa a formar parte do Comité Federativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción.
Aínda que a escola se rematou en 1913, non será ata 1915 cando poida ser inaugurada cunha grande festa. Ata 1923, dende A Habana se ocupaban do seu mantemento e incluso pagaban o soldo do mestre; nese ano fúndase en Rubín unha escola nacional que pasaría a ocupar este edificio.
No ano 1922 reuníronse un grupo de goladenses para charlar sobre os recordos da terra, e pouco e pouco foi xurdindo a idea de formar unha agrupación que lles servira como lugar de reunión e co ánimo de protexerse mutuamente ademáis de fomentar a instrución e o recreo ó estilo dos pobos de procedencia.
A sociedade constituíuse nunha xunta xeral celebrada no "Centro Gallego de La Habana" o 10 de setembro de 1922. A partires de 1923 esta sociedade forma parte do "Comité de Sociedades del Partido de Lalín" que estaba integrado ademais polas seguintes sociedades: "Club Lalín", "Hijos del Ayuntamiento de Rodeiro", "Hijos del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Silleda".
Tivo varias denominacións en toda a súa traxectoria, polos nomes de "Hijos del Ayuntamiento de La Golada", "Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Golada. Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo". Segundo o artigo número 2 do seu Regulamento social de 1929 a sociedade terá por obxecto: a mellora da instrución na Golada, e a protección e recreo aos seus asociados, tamén velará pola unión e a boa armonía de todos os seus socios, celebrando reunións, festas e outros actos recreativos.
No ano 1933 forman a Mesa da Directiva: Daniel Iglesias Val, presidente; Albino Casares, vicepresidente; José Costa, secretario; Ramón Varela, vicepresidente; Juan Costa, tesoureiro; David Méndez, vicetesoureiro; José Tirador, contador; Antonio Galego, vicecontador; Ángel García Carela, secretario de correspondencia.
En 1951 o presidente proposto, expón que aceptaría o cargo sempre e cando a entidade se comprometese a construír un Panteón Social. Este período tomouse o acordo de emitir bonos reintegrables para que a costa da súa adquisición poideran iniciar as obras. Finalmente os asociados fixeron un aporte á sociedade, pois ningún admitíu o reintegro.
Un acontecemento destacado foi a súa fusión o 29 de agosto de 1987 coa "Sociedad de Naturales de Puentes de García Rodríguez" creada o 28 de xaneiro de 1912. Dende entón as sociedades irmandadas integran a directiva ata a actualidade, reformando o regulamento social para o seu mellor funcionamento.
Este comité foi creado pola "Casa de Galicia de Montevideo” e outras entidades galegas, para, a través da súas activdades, apoiar e loitar desde Uruguai, pola autonomía galega. A nova institución estivo liderada varios anos polo xornalista, escritor e médico galego, Constantino Sánchez Mosquera.
Uns meses despois da súa creación edita o xornal "Raza Celta" (1934-1935), como voceiro das ideas do comité; nas súas páxinas publican numerosos defensores das ideas autonomistas e federais. Este xornal tamén foi dirixido por Sánchez Mosquera. No xornal proclámase un galeguismo pleno e radical, cun claro rexeitamento ao centralismo español e un apoio firme ao Partido Galeguista, non exento dalgunhas críticas; fai tamén un chamamento ao afastamento da política de partidos e ten unha actitude belixerante contras os republicanos e, en xeral, as formacións da esquerda política, antinacionalistas; apoio firme ao Partido Galeguista (non sen algunhas críticas) e se implican totalmente na tarefa de dar pulo á cultura galega e participar –informando, opinando– na vida política do país.
O comité organiza diversas actividades sociais para recadar cartos que mandar a Galicia para axudar a diversos organismos e entidades culturais e científicas como o Seminario de Estudos Galegos, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, a Residencia de Estudantes da USC ou a mesma Biblioteca América. Segundo eles, o apoio ás citadas institucións representa a vía axeitada para a renovación do país e para a súa rexeneración e modernización.
Tras a guerra civil este comité practicamente desaparece.
A Irmandade Galeguista do Uruguai, segundo palabras da asociación “xurdiu a vida aitiva da coleitividade para espertar na conciencia de todol-os galegos a noción da personalidade de Galiza, como unidade natural de raza, linguaxe, hestoria, xeografía e esprito propios”.
Esta entidade foi creada por destacados membros da colectividade, moi posicionados a favor da autonomía de Galicia e defensores do ideario galeguista. De feito foron considerados como unha sección uruguaia dentro do Partido Galeguista. Así, trataban de traballar a prol de Galicia e dos seus intereses, combatendo mediante o seu apoio económico e intelectual ao movemento autonomista galego.
A Irmandade, intenta amosar o sentir dunha comunidade galega ante o desexo de loitar polo triunfo do Partido Galeguista e a aprobación do Estatuto de Galicia dende a saude e a lonxanía. Unha das cobizas máis fondas deste colectivo da emigración galega en América, é lograr a autonomía para o pobo galego; pero tamén o recoñecemnto cultural dun pobo cunha lingua propia que debe consolidarse como unha lingua culta, cunha literatura e unha historia propias; dende o punto de vista económico, abogan por un rexurdimento da agricultura en perigo de desaparición, dunha industria pesqueira de longa tradición e dunha recoñecida e notable riqueza gandeira.
O primeiro Consello Directivo da sociedade estaba integrado por: presidente, Pedro Fernández Veiga; secretario xeral, Antonio Crestar; secretario de organización, Manuel Leiras Méndez; tesoureiro, Xoaquín Bello e 3 vogais: Arturo Carril, Manuel Meilán e Juan José San Román.
O mesmo ano da súa fundación publica o xornal O Irmandino, como órgano de expresión da entidade. O seu nome ten a súa orixe na revolta producida en Galicia durante o século XV.
Esta publicación consta de dúas épocas, cun lapso de 24 anos entre ambas: de 1934-1936, 1958-1961. Nesta segunda época ten un claro carácter continuísta a respecto da etapa anterior, isto é, trata de retomar a loita polos dereitos de Galicia que tanto se defenderan desde as súas páxinas: “Ha que revigorizar os vellos pulos, espertar o vello esprito imandino, baixo o guieiro da unión de todol-os galegos n’o sagro amor a Terra. Para eso estamos outravolta eiquí”. Nesta época estivo dirixido por Xosé L. Villaverde e M. Vázquez Valiño.
Esta entidade é o resultado da fusión das sociedades "Meira y sus comarcas" e "Hijos del Ayuntamiento de Pol y sus Comarcas", realizada o 1 de marzo de 1951.
A sociedade "Meira y sus comarcas" foi creada o ano 1909 na cidade da Habana polos emigrantes do concello de Meira, residentes alí cunha finalidade recreativa, para organizar celebracións de actividades lúdicas e recreativas para os seus socios. En 1917 a súa xunta directiva estivo formada por: presidente, Gabriel Yáñez Rancaño; Vicepresidente, Manuel Fernández; secretario, Antonio Gallego Valiña; vicesecretario, Ángel Díaz, tesoureiro, José Soto Méndez; vicetesoureiro, Ricardo Rivas; vogais, José María Soto, Justo Díaz, José Bouso, Jesús Cubas, Eduardo Rodriguez, José Fernández, Andrés Bargueiras, Manuel Saavedra, Abelardo Villaamil, Manuel Pedre Moré.
"Hijos del Ayuntamiento de Pol y sus comarcas" foi fundada na capital cubana polos naturais do concello de Pol en 1928.
Tras a súa fusión no Regulamento de abril de 1951 aparecen especificados os seus fins: proporcionar actos de recreo e esparcimento para os asociados, cando os recursos sociais o permitan, practicar a beneficencia mutual na meirande amplitude, e contribuír ao engrandecemento de Meira e Pol, coma homenaxe e recoñecemento aos fundadores da sociedade, oriundos de ambos concellos. Un exemplo do seu labor asistencial na illa foi o de visitar a socios enfermos que solicitaban socorro, dentro do perímetro da cidade da Habana, en Marianao, Regla e Guanabacoa.
Na actualidade o seu presidente social é Víctor A. González Pérez.
Esta sociedade benéfica e de instrución foi constituída o 24 de novembro de 1919 na cidade da Habana polos emigrantes naturais da parroquia de San Lorenzo de Árbol, do concello de Vilalba residentes na illa de Cuba. O presidente fundacional foi Salvador Fernández Verdes.
A entidade tivo entre os seus obxetivos a fundación dunha escola na parroquia natal de San Lorenzo del Árbol, concretamente no lugar de O Gardado. Ademáis desta actividade en pro da instrución dos seus paisanos, outro dos seus fins foi o recreo dos seus socios e conseguir axuda mutua entre os seus asociados cando as circunstancias o requerisen. En 1934 lévase a cabo a construción do seu Panteón social.
Actualmente esta sociedade está intregrada na Unión Villalbesa y su comarca, presidida por Antonio Tenreiro Roca.
Esta sociedade foi fundada na cidade da Habana por naturais das parroquias de San Simón e Samarugo, do concello lucense de Vilalba. A súa finalidade prioritaria, recollida nos estatutos sociais, era «a protección mutua, material y moral entre todos los emigrados de ambas parroquias y la creación de una casa-escuela con todos los adelantos modernos en el punto más céntrico y más conveniente de las citadas parroquias, Samarugo y San Simón».
A primeira xunta directiva estaba formada por Jesús Rouco Cortiñas, como presidente; Jesús Otero, vicepresidente; José M.ª Fraga, secretario; Antonio López Graña, vicesecretario; Santiago Prieto, tesoureiro; Jesús Cillero Camba, vicetesoureiro; e José M.ª Seijo Lafuente, Jesús Cuba Restrebada, Antonio Yáñez Fraga, José Gacio García, José Antonio López Ramudo, Avelino Yáñez Castro, Jesús González Cortiñas, Ramón Díaz Funcasta, Manuel García Trastoy e Ramón Barro Polo, como vogais.
Outros presidentes destacados da entidade foron Jesús Riva (1914), Eulogio Coira Rodríguez (1915), Jesús Cuba Restrevada (1919), José María Yáñez (1929) e Antonio Román Cuba (1938).
No ano 1915 aproban en asemblea o financiamento por parte da entidade dun edificio en San Simón para destinalo a escola dos nenos/as da parroquia: «El fin que perseguimos de fundar una escuela en San Simón y dotar de maestro a la actual de Samarugo (...)».
A escola de San Simón da Costa foi inaugurada en 1921, pero ata 1929 non funcionou como tal.
A partir de 1928 mantén economicamente unha escola na parroquia de Samarugo nun local alugado. Nos anos 40 aproba a construción dunha casa-escola nesta parroquia.
En asemblea social no ano 1948, ante as dificultades coas que se atopan para levar a bo fin a construción desta casa-escola, aproba a cesión das dúas escolas ás parroquias respectivas, coa condición de que debían ser administradas por medio duns padroados (en Costa e en Samarugo) e que debían ser dedicadas a escolas e colexios. Outra condición era que o Concello colocase en ambos os edificios unha placa de bronce, na fronte da fachada, coa seguinte inscrición: «Esta casa-escuela ha sido construida por la Sociedad "Unión de San Simón y Samarugo" radicada en La Habana en el año 1913». Finalmente, esta cesión fíxose efectiva o 27 de novembro de 1950.
A sociedade a partir de entón cambia a súa finalidade principal e céntrase na beneficencia e o apoio mutuo aos asociados.
Esta federación de sociedades de emigrantes galegos residentes no Uruguai nace nun momento en que se intenta propiciar a coordinación de esforzos e a integración das institucións de emigrantes para acadar os seus obxectivos e facilitar a solución dos seus problemas. Trátase dunha federación constituída por asociacións civís, con personalidade xurídica que representan á colectividade galega no país.
Un dos seus máximos promotores foi Manuel Vázquez Valiño, secreatrio fundacional.
Dende a súa creación esta institución mantén o compromiso de difundir a identidade galega, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegos entre os socios, os seus descendentes e o pobo uruguaio. Segundo o xornal “Galicia” nº 1465: “El cometido principal de la Unión es celebrar en forma conjunta los actos culturales y patrióticos gallegos, así como emprender toda clase de iniciativas en torno a la problemática económica, social y política de Galicia, defendiendo a ésta en los caso, como en los momentos actuales, en que es pisoteada y discriminada por el gobierno central. Realizará a su vez, la flamante institución excursiones de conjunto a la tierra natal de sus asociados".
Os estatutos sociais foron aprobados o 3 de xaneiro de 1992, aínda que ata outubro de 1993 non tivo a personalidade xurídica. Alí consta como fin principal “coordinar as accións que realizan as institucións que a integran”. Ademais entre os seus obxectivos están: "a) servir de nexo entre as asociacións integrantes; b) representar á comunidade galega ante o goberno da República Oriental del Uruguay, ao reino de España, ao autónomo de Galicia así como ante toda clase de organismos e institucións nacionais e internacionais, en toda xestión de interese para a comunidade galega e as súas asociacións, sen interferir nas facultades que ten cada unha das asociacións federadas; c) propender á unificación das asociacións galegas radicadas no Uruguai; d) coordinar actos e festexos dos mesmos; e) manter lazos culturais e sociais con Galicia, as súas xentes, a súa lingua, a súa cultura e a súa historia, así como con asociacións similares de calquer parte do mundo; f) participar da vida social e cultural do pobo galego en xeral, colaborando na difusión da cultura, historia, costumes, folclore e lingua de Galicia e España, usando os medios máis eficaces ao seu alcance; g) colaborar, en todo momento, coa Escuela Galicia ou outro instituto que participe nas súas tarefas; h) honrar a todos os galegos que en Galicia ou en calquera parte do mundo, se distinguiran polo seu talento ou virtudes, así como tamén aos non galegos que de maneira especial honren a Galicia".
Os centros que forman parte na actualidade esta federación son: Casa de Galicia de Montevideo, Centro Cultural y Recreativo Alma Gallega, Centro Social y Cultural Bergantiños, Centro cultural y Recreativo Hijos de Galicia, Centro Gallego de Montevideo, Centro Orensano, Centro Pontevedrés Social y Deportivo, Centro Social, Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor, Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son, Patronato da Cultura Galega, Unión Hijos de Morgadanes e Sociedad de Campo Lameiro del Uruguay Cultural y Recreativa.
En canto ás instalacións, cabe sinalar que ata xullo de 2003 a súa sede social estaba nunha casa alugada da calle Colonia, nº 1473. Logo trasladouse á sede da sociedade “Hijos de Galicia”. Pasou polo “Centro Orensano de Montevideo” e o “Centro Pontevedrés”. Actualmente e dende2009, ubícase na Calle 18 de Julio nº 1471b, lugar cedido pola “Casa de Galicia de Montevideo”. Nestas instalacións ademais da Oficina de Información, tamén se atopa a Oficina Sociolaboral sobre Políticas de Emprego e Retorno da Xunta de Galicia, onde se poden realizar todos os trámites dos distintos programas que a Xunta de Galicia pon a disposición dos emigrantes e os seus descendientes. Desta maneira esta institución reforza aínda máis os seus lazos coa colectividade galega afincada no país, sendo un nexo entre a colectividade e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Tamén en 2012 creou unha Sala de Estudios de Informáticos, chamada “Galicia”, onde ofertan clases de computación para todos os galegos e os seus descendentes.
Entre as actividades que ofertan aos socios están: cursos de lingua, literatura, historia e cultura galega; cursos de danza, música e confección de traxes tradicionais; cursos de formación ocupacional/empresarial; cursos de baile galego; cursos de pandeireta e canto; cursos de cociña galega; cursos de relacións públicas e protocolo; cursos de informática etc.
Dende 2012 organiza o Festival de danza e música galega, onde os alumnos dos corpos de baile e dos conxuntos de música de todas as institucións preparan os seus números musicais para homenaxear á terra dos seus antepasados.
Todos os anos organiza diversas actividades como parte dos festexos do Mes de Galicia entre as que destacan un desfile de modas galego-uruguaio, que tivo como peche un desfile de traxes típicos galegos, confeccionados polos alumnos do “Curso de Confección de Trajes Típicos”, impartido por mestres enviados pola Xunta de Galicia.
O 3 de maio de 1914 reuníronse na cidade da Habana os veciños da parroquia de Vilameá emigrantes en Cuba, nunha xuntaza para constituir unha sociedade co obxeto de fundar un ou varios colexios no seu concello natal. Entre os fundadores da "Sociedad de Instrucción Centro Villameiense" destacan Antonio Villaamil, Juan Ginzo, Francisco García, Antonio Ginzo, Enrique García, Abelardo González, Bernardo López, Florentino Regueiro, y Francisco Trevín. A primeira xunta directiva da nova sociedade quedou así constituída: o presidente, Antonio Villamil Colmenares; vicepresidente, Salustiano Rocha Díaz; secretario, Francisco García Martínez; vicesecretario, José García Díaz; tesoureiro, Juan Ginzo Lombardero; vicetesoureiro, Venancio Estúa Bermúdez e vocais: Abelardo González Villamil, Antonio Ginzo Díaz, Enrique García Díaz, Bernardo López, Florentino Sequeiro, Francisco Trevín, Gerardo Díaz Díaz, José González Ginzo, Nicanor González, Alejandro González Villamil; Vocales suplentes: Antonio González Ginzo, Tomás Fernández, Antonio Calvo, Balbino Galdo.
O 11 de agosto de 1915 aproban en asembleia de socios o cambio de nome social pasando a chamarse "Centro Villamiense. Sociedad de Instrucción de La Habana”.
Durante os seguintes anos traballan en pro da creación dunha escola en Vilameá, realizando diversas xestións no seu pobo e xirando os primeiros cartos para sufragar os primeiros gastos. O 24 de xuño de 1917 aproban o plan en pro da instrucción no solar patrio, comenzando por soster os colexios exitentes nos lugares de Liñeiras, Santalla, San Esteban, Vilaodriz, Foxas e Pontenova, xirando un soldo para cada profesor de 50 pesetas mensuais.
No ano 1919 deixan de reunirse e de ter vida societaria e non será ata o 6 de abril de 1924 que un grupo dos antigos socios decidan volver a reorganizar a sociedade baixo a presidencia de Salustiano Rocha. O 19 de setembro deste ano fusiónanse cos naturais de Vilaodriz e acordan un cambio de nome, que será aprobado no novo regulamento que data do 8 de febreiro de 1925. Pasan a denominarse “Unión de Villameá y Villaodrid”, cuns fins de instruccción, recreo e protección ao asociado.
O 11 de agosto de 1968, tras un período longo de escasa actividade societaria e con moi poucos socios de idade moi avanzada aproban a súa fusión coa Sociedad "Monterroso y Antas de Ulla".
Esta sociedade foi fundada polos naturais do concello de Gondomar, residentes no Uruguai, que anteriormente formaran parte da delegación uruguaia da sociedade “Unión Hispano Americana Valle Miñor”, da que marcharon por disensións no seu funcionamento. Juan Rodríguez Rial e Juan Rodríguez López lideraron o grupo de fundadores da nova entidade. Ao pouco de constituírse, fixeron unha campaña na prensa arxentina para que os veciños da parroquia de Morgadáns, de Chaín e Peitieiros fundasen unha filial da sociedade e colaborasen na consecución de fondos para levar a cabo os fins sociais. Ese mesmo ano creouse a sección arxentina, presidida por Domingo Alonso Pérez.
Na súa acta fundacional establecen como finalidade prioritaria a construción e sostemento na parroquia de Morgadáns dunha escola, «que prepare eficientemente los elementos que se dirijan al Plata. La enseñanza será completamente gratuita y se regirá por los preceptos más modernos de la Pedagogía», tal como se recolleu despois no artigo 2 dos seus estatutos. Outros fins eran a protección mutua a todos os asociados e naturais de Morgadáns que chegasen ao Prata; a creación en Montevideo e Bos Aires de asilos para acoller os fillos de Morgadáns que tivesen unha mala situación económica ou con problemas de saúde; estreitar os vínculos de solidariedade hispano-americana, patrocinando e apoiando iniciativas nese senso; envío de axuda económica para a conservación do cemiterio civil construído na súa parroquia natal, etc.
Pronto contactan con familiares e veciños na súa parroquia para que comecen as xestións da busca dun edificio para crear a escola. En 1922, comezan a enviar cartos para a fundación desta, que foi instalada nunha casa alugada a D. José Cabanelas, industrial residente na cidade de Mercedes (Arxentina). Esta escola era privada, gratuíta e laica, seguindo o modelo do sistema uruguaio de educación. Todos os gastos que xeraba a escola eran pagados polos promotores. En 1924, o edificio de Cabanelas púxose en venda; aínda que a comisión de Morgadáns desexaba mercalo, desde Montevideo opuxéronse pois pensaban que era moi caro.
Comezaron as xestións para a compra dun terreo, que estivese situado estratexicamente, e en novembro de 1925 foi mercado un soar no lugar de Guillufe. Mentres non se construíu o edificio a escola é recolocada en 1926 nunha propiedade alugada.
No financiamento da construción do edificio escolar tamén colaboraron un grupo de veciños da parroquia residentes en Sevilla, que achegaron 227 pesetas.
Unha vez rematada a planta baixa, instálanse nesta as aulas e comeza o curso escolar, en setembro de 1927. Uns meses máis tarde, rematan todas as obras e o edificio é inaugurado en 1928. En outubro de 1929, créase unha biblioteca escolar, con compra e envíos de libros dende América.
Posta xa a escola en funcionamento, a delegación de Morgadáns centrará os seus esforzos na construción dunha casa de socorro para a parroquia.
En 1934, debido a graves problemas económicos, cédenlle o edificio á Entidade Menor de Morgadáns, que se ocuparía do seu mantemento.
A partir dos anos 40 cambian os fins da entidade, que pasa a ser mutualista e recreativa: “a) protección mutua a todos os asociados e aos oriundos de Morgadanes que arriben ao Plata; b) creación en Montevideo e Buenos Aires de asilos para recoller os fillos de Morgadáns que polas súas condicións físicas e pecuniarias non poidan continuar sendo elementos de traballo; c) estreitar os vínculos de soliedaridade hispanoamericanos e patrocinar cantas iniciativas persigan esta finalidade; d) conservación do cemiterio civil construído en Morgadáns por los naturais desa localidade residentes no Plata".
Actualmente teñen unha sede social en propiedade na calle General San Martín, onde realizan numerosas actividades recreativas para os socios, que contan tamén cun centro recreativo “El Pinar”, cunha superficie de 4.500 m2 e unha amplia infraestrutura que inclúe parrilleros individuais e un salón para 400 personas.
Esta sociedade foi fundada na Habana o 12 de agosto de 1909 polos naturais do partido xudicial de Vilalba residentes na illa de Cuba. Dende a súa creación tivo carácter benéfico, mutualista e instrutivo e xa no ano 1912 encabeza a iniciativa dunha suscrición para financiar o "Hospital de Villalba" con Agustín López Arias como principal impulsor do proxecto. No ano 1914 recadan fondos para honrar a memoria de Manuel Mato Vizoso, poñéndolle unha placa conmemorativa na rúa que leva o seu nome en Vilalba. No ano 1925, teñen o proxecto de construír un Hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e teñen aberta unha suscrición permanente para conseguir cartos. Tamén envían xiros en caso de necesidade á súa localidade natal.
A partires de 1936, tras a reforma do seu regulamento, a súa finalidade primordial foi o fomento da amizade entre todos os naturais do Partido Xudicial de Vilalba e prestarlles todos os auxilios morais e materiais ós seus socios.
O seu presidente actual, Antonio Tenreiro Roca, é fillo do anterior presidente, Antonio Tenreiro Rodríguez.
Asociación civil con personalidade xurídica, de servizos á comunidade e de carácter apartidario que da cabida a todos os nacidos na Provincia de Lugo, así como aos seus ascendentes e descendentes.
Nos seus Estatutos queda constancia das súas finalidades básicas:
"A) Protección o socorro mutuo y prestar apoyo moral, social y jurídico a cada uno de sus asociados, según lo exija el caso, y en lo posible a todos los hijos de la provincia de Lugo en general.
B) Prestar servicios a la comunidad y/o a la propia Asociación Fillos da Provincia de Lugo, promoviendo o realizando obras benéficas asistenciales cooperativas, deportivas-recreativas, culturales, etc.
C) Para el cumplimiento de estos objetivos, la Asociación podrá promover, fomentar y desarrollar actividades de carácter cultural, recreacional o cualquier otro evento con la finalidad de recabar fondos para la realización de estos objetivos".
Tal e como o seu nome indica ésta é unha asociación de empresarios de orixe galega asentados en Madrid que se creou para ser voceiro das inquietudes profesionais e empresariais dos socios, ofrecendo información, orientación e propostas para a mellora dos seus negocios.
Creouse como entidade xurídica sen ánimo de lucro en maio de 1990, dentro do movemento asociativo galego que irrumpía con forza en América e Europa a finais dos anos 80.
Neses anos, un grupo de empresarios galegos afincados en Madrid, encabezados polo avogado lucense Enrique Santín Díaz, coinciden na necesidade de establecer redes e canles de comunicación, intercambio, mutua colaboración e apoio entre o colectivo.
Dende 1994 editan un boletín social onde informan aos seus socios de todo tipo de proxectos empresariais, lexislación, política económica, etc.
O Centro Gallego de Gijón foi constituido o 15 de outubro de 1916 por un grupo de 60 galegos residentes en Xixón, sendo elexido Gilberto Trapote Legerén como primeiro Presidente. Desde o seu nacemento, traballan en prol da divulgación da cultura galega, desenvolvendo diversos actos no eido cultural. Entre as efemérides máis importantes da entidade cabe destacar o cruceiro que construiron nunha praza do parque "Isabel La Católica" no ano 1962 e a homenaxe que o centro rindeu a Rosalía de Castro, adicándoselle a construcción dun busto nunha das rúas da cidade. Foi no ano 1991 e trátase dunha praca en bronce colocada polo centro na rúa Rosalía de Castro, obra do escultor Juan Zaratiegui.
A galeguidade foille concedida a través do Decreto 9/1991 do 11 de xaneiro. Hoxe en día forman parte da entidade un total de 272 familias, das que 225 son galegas.
Na actualidade a entidade conta cun local social duns 500 m en propiedade, integrado por: biblioteca, sala de xogos, sala de audiovisuais, sala de usos múltiples, escola de gaitas e bar-restaurante.
A Casa de Galicia en León foi fundada o 18 de novembro de 1967 como resultado da inquietude que existía entre varios dos galegos residentes en León por crear un "Hogar Gallego" que servise de lugar de encontro. O amor por Galicia e a añoranza pola súa terra fan que estos entusiastas, xunto cun grupo de estudantes galegos, comecen a buscar un local como sede social para así poder aglutinar a todos os galegos dispersos pola zona.
A primeira reunión celebrárase o 14 de abril de 1967 e xa dende o primeiro momento comezan a organizar actividades de todo tipo: culturais, recreativas e deportivas. A pesar de non contar neses primeiros momentos con instalacións adecuadas, crearán un concurso de relatos en lingua galega e en español, así como equipo de baloncesto e de tenis de mesa.
Na década dos 80 do século XX conseguiron a concesión de explotación dunha sala de bingo e desfrutaron de axudas da Xunta de Galicia en forma de subvencións económicas e aportacións de libros e material diverso.
Esta independencia económica permitiulles adquirir en 1988 dúas fincas comunais, cunha superficie total de 30.000 m2, situadas na localidade de Trobajo del Cerecedo (a 4 Km. del centro de la ciudad de León) e a construcción dun gran complexo social, cunhas completas instalacións recreativas e deportivas, inaugurado en xuño de 1992.
Nas instalacións ao aire libre, dispoñen de pista polideportiva, circuito, petanca, baloncesto, balonmano, bolos leoneses, canchas de tenis, campo de fútbol, voley-praia, parque infantil, piscinas (unha climatizada), zoas verdes, saunas (secas e de vapor), bañeras de hidromasaxe, ximnasio, etc.
As instalaciones de tipo social contan con salón social, bar, restaurante, discoteca, sala de lectura, biblioteca, guardería infantil e salón xuvenil. Destacar que a biblioteca dispón duns 1.450 volumes, dos que 1.000 son obras galegas.
Durante moitos anos tivo unha sede social na rúa Villafranca de León, moi pola súa gastronomía galega.
Ten recoñecida a condición de Galeguidade dende o 22 de outubro de 1987.
Na década dos 30 do século XX houbo na cidade das Palmas un "Centro Gallego" que por diversas causas tivo unha curta existencia. En 1951 un grupo de galegos residentes nesta illa fundan unha "Casa de Galicia" que segue existindo hoxe. Foi creada co "anhelo compartido de dispoñer dun acolledor "lar" no que reunirse, "falar galego", escoitar a música das gaitas, compartindo a morriña (...) rememorando dunha ou outra forma á ausente terra nativa".
Entre os seus fundadores están: Manuel Vila Fernández, Manuel Blanco Castro, Gonzalo Alonso Lamberti, Francisco José Díaz Casanova-Marrero, Urbano Fernández Fontaiña, Elena Rodríguez Brehcist, Isidro Guimarae Tettaneney, Carlos Sampedro Travadela, M.ª del Carmen Montenegro Bastos, Avelino Oliveira Rodal, Faustino Cebral Collado, Tomás García García, Manuel Miranda Cabral e Jesús Piñeiro Rodríguez.
Nos seus primeiros Estatutos do ano 51 definen a súa finalidade recreativa e de axuda mutua. Levan a cabo numerosas actividades de beneficencia e sanitarias con numerosas axudas aos seus paisanos máis desfavorecidos.
Organizan dende a súa fundación diversos actos culturais, participando na vida pública da cidade, como no antroido. Dende 1979 fundaron un grupo de teatro que actúa en numerosas ocasións festivas da cidade. Crearon un grupo folclórico integrado por nenos e xóvenes que actúan nos bailes e comidas organizadas pola entidade. Colaboran ademais con programas de radio: a cadena Ser "Galicia en Canarias" desde 1982 e outras emisoras.
Editan desde 1971 a Revista "Aturuxo" con carácter anual, como voceiro da sociedade.
A Federación de Centros Gallegos de Castilla y León créase no ano 1994. Nel se integran todos os centros da comunidade castellano-leonesa, cos seguintes fins estatutarios:
- Promover e establecer nexos de unión e vínculos de cooperación e solidariedade entre as sociedades galegas asentadas en Castela e León.
- Salvagardar os intereses de todos e cada un dos compoñentes, colaborando colectivamente na resolución dos problemas que podan plantexarse.
- Promover o coñecemento de Galicia, en orden á súa Lingua, Cultura, Historia, Xeografía, Gastronomía, Folklore y demais peculiaridades.
- Manter un contacto cordial con todas as sociedades galegas do mundo, así como cos demais centros rexionais y federacións existentes.
- Coordinar e canalizar as relacións con todos os organismos estatais e autonómicos, tanto públicos como privados, especialmente coa Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León
- Apoiar toda iniciativa en favor da creación de sociedades galegas cuxas finalidades sean acordes co espíritu desta Federación.
- Tratar de velar pola realización de cantos actos tendan á exaltación dos valores culturais, éticos, espirituais e materiais dos fins propios.
- Queda excluida expresamente dos fins desta federación cualquera actividada política ou sindical.
Desde a fundación celébrase o Día de Galicia en Castela e León como actividade fundamental que reúne aos socios de todas as entidades que a integran.
Cada ano, de forma rotatoria, ten lugar o evento na localidade onde ten a sede o centro que se encarga da organización da celebración.