Mostrando 1783 resultados

Registro de autoridad
AE-VEN-JuDemo · Entidad colectiva · 1974-09-02. Non existe na actualidade

A "Junta Democrática de España" e, de igual forma, as xuntas rexionais, provinciais e municipais, entre elas a "Junta Democrática de Galicia en Caracas", xurdiron para loitar por unha España democrática e reivindicar a personalidade do pobo catalán, galego e vasco.

A "Junta Democrática de España" manifestouse por primeira vez públicamente o 29 de xullo de 1974 en París e en Madrid, ante un gran número de asistentes.

Foi o primeiro gran organismo que, cun programa político centrado na "ruptura democrática", conseguiu movilizar unitariamente a toda a oposición antifranquista.

A "Junta Democrática de Galicia en Caracas" constituíuse o 2 de setembro de 1974, nomeando una Xunta Provisional Executiva, que se puxo en contacto inmediatamente coa "Junta Democrática de España" e coa "Junta Democrática de Galicia", adheríndose aos 12 obxectivos reflectidos no Manifesto.

Centro Gallego de Maracaibo
AE-VEN-CGMar · Entidad colectiva · 1962-05-16 ata a actualidade

O "Centro Gallego de Maracaibo" fundouse o 16 de maio de 1962 por un grupo de emigrantes galegos, coa visión de crear unha institución que albergara a todos os emigrantes e nela fomentar a cultura e as tradicións galegas. A súa primeira sede foi unha casa alugada na Avenida El Milagro, a orillas do lago. En 1970, debido á crise económica que atravesaba a asociación, convertíronse nunha sociedade por accións que quedou integrada por cincocentos socios propietarios. En 1972 puxeron a primeira pedra que daría inicio á construción dunha nova sede, máis moderna e funcional, que sería inaugurada o 12 de maio de 1974. En 1977 adquiriron novos terreos e realizaron importantes obras.

Nesta sociedade, ó contrario que na maioría de centros galegos, os membros da directiva son "electos entre los miembros propietarios" sen ter en conta o seu lugar de nacemento.

O C.G.M. é unha asociación civil con carácter social e deportivo e os seus obxectivos principais, recollidos nos seus Estatutos, son procurar o desenvolvermento das relacións sociais, deportivas e culturais entre os seus membros, así como defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de España e de Galicia en particular.

En 1974 comezaron a transmitir un programa de radio chamado "A voz de Galicia" na emisora local Radio Catatumbo Internacional, no que informan do que acontece no Centro e da actualidade e historia de Galicia e de España. Dende o 1 de maio dese mesmo ano publican a revista mensual "Alborada", na que informan das súas actividades sociais, culturais e deportivas e tratan temas de cultura galega. O ano seguinte fundaron o Grupo de Danzas "Alborada", no que contan co Grupo de Gaitas Galegas "Cachafeiro". Tamén contan cun grupo de armónicas, co "Orfeón Santiago", cun grupo de teatro e co Grupo de Pandereteiras "Anduriñas". Imparten cursos de danza e gaita, organizan festivais folclóricos e exposicións de pintura, escultura e artesanía. Celebran o Entroido, o Día do Apóstolo Santiago, a Festa da Hispanidade e organizan romerías populares, torneos de cartas, etc.

O deporte ten un papel moi destacado no Centro. Organizan torneos internos e participan nos de outras entidades. Contan con equipos de fútbol, de fútbol sala, balonceso masculino e femenino, natación, kárate, frontón, tenis e tenis de mesa. Dispoñen de consultorio médico e odontolóxico. A súa meta é por en marcha unha asistencia médica integral para todos os socios e beneficiarios do Centro. Desenvolven diversas actividades benéficas e realizan colectas recadatorias.

Agrupación Cultural O Galo
ACG · Entidad colectiva · 1961.Santiago de Compostela/2019.Santiago de Compostela

A Agrupación Cultural O Galo xorde no ano 1961 en Santiago de Compostela por iniciativa de Mario Orjales Pita, Xulio Maside Medina, Ventura Cores Trasmonte, Salvador García Bodaño, Aurichu Pereira Carballo e Mercedes García Fernández. Non será ata 1962 cando se conformen os estatutos da asociación, cuxa legalización impulsaron Óscar Fernández Refojo, Justo García Díez, Mario Orjales Pita, Salvador García Bodaño e Mercedes García Fernández. A primeira directiva constituirase ao ano seguinte, estando integrada por Xosé María Castroviejo Blanco-Cicerón (presidente), Carlos Herrero Álvarez (tesoureiro), Xusto García (secretario), Antón Santamarina Fernández (vogal) e Xosé Luís Fontenla Rodríguez (vogal). Os cambios na directiva serán sucesivos nos anos seguintes, a excepción da presidencia, que estará ostentada por Xosé Mosquera Stolle durante varios anos. O primeiro acto público desta asociación foi a exposición 20 pintores para a paz, ubicada no Hostal dos Reis Católicos en xuño de 1961. Para a inauguración de dito evento, contouse coa presenza de Vicente Risco, quen pronunciou un discurso titulado “Galicia y la revolución estética”. As actividades que seguirían a esta mostra serían fundamentalmente teatrais (poñendo en escea obras como “As cadeiras” de Ionesco ou “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao). Tamén abundaron os recitais poéticos e os concertos (especialmente en colaboración co coro Cantigas e Agarimos e con Voces ceibes). As clases de galego na década dos 60 caracterizaron o quefacer desta organización, impartíndose as mesmas no Instituto Padre Sarmiento e no Colexio Peleteiro. Destacaron ademais as conferencias públicas, moitas delas impartidas por Fernando Mon, o Padre Gándara ou Ricardo Carballo Calero, entre outros. Cabe aludir tamén ao Premio de Teatro Castelao, impulsado polos membros de O Galo animados por Ramón Piñeiro. Celebraríase entre os anos 1963 e 1967, resultando premiados Ángel de la Peña (coa obra “Cando morren os faroles”), Jenaro Mariñas (con “A revolta”) e Xohana Torres (con “Un hotel de primeira sobre o río”). No ano 1966, o premio quedaría deserto, argumentándose a pouca calidade do presentado. Para a dotación económica do galardón (10.000 pesetas), realizábase a coñecida como “Campaña do Peso”, centrada en acadar que 2.000 santiagueses doasen diñeiro. A entrega do premio realizábase nunha cea celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Detrás de todas estas aparentemente inofensivas accións de O Galo, atopábanse reivindicacións galeguistas e de liberdade, enmarcadas dentro dun contexto opresivo como era o da ditadura franquista. É por este motivo polo que moitas das actividades organizadas debían ser autorizadas polo Ministerio de Información e Turismo, así como polo Goberno Civil. Non só afectaba este requisito aos actos públicos, senón tamén ás reunións que a xunta directiva celebrase. A traxectoria de O Galo continúa até os nosos días, xa nun contexto diferente, pero mantendo unha dinámica actividade baseada na organización de conferencias, visitas culturais e presentacións de libros.

Agrupación Cultural Abrente
ABR · Entidad colectiva · Ribadavia, 1969 - 1983

A Agrupación Cultural Abrente constitúese o 8 de novembro de 1969 en Ribadavia. Nos seus inicios acolle un cineclub, mais logo céntrase no teatro.
Nun contexto de recuperación cultural e socioeconómica que existe a partir da década de 1960 en España, entre 1973 e 1980 Abrente celebra as Mostras de Teatro e o Concurso Abrente de Textos Teatrais en Galego, que contribúe para que xurdisen ou se desen a coñecer novos autores. Arredor destas mostras, xorden os autores do grupo Abrente, o primeiro grupo xeracional de dramaturgos profesionais en lingua galega, grupo entre os que destacan os autores Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño e Euloxio R. Ruibal.

Asociación Galega da Muller de Ourense
Entidad colectiva · 1976-1983?

Organización que nace do núcleo de Asociación Galega da Muller en Ourense.

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista Galega

  • Organizacións que colaboran nas súas actividades Comisión da Muller da Asemblea Nacional-Popular Galega, Asociación Galega da Muller, Liga Comunista Revolucionaria, Movimento Comunista Galego, Unión do Pobo Galego, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos, Sindicato Galego de Traballadores do Ensino, Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores, Partido Socialista Obreiro Español.