Esta entidade foi creada en novembro de 1908 por un grupo de mozos galegos residentes en Lisboa. Nun primeiro momento querían organizar un rondalla musical. Mais ante a boa acollida da idea no seo da colectividade deciden fundar unha asociación cultural, recreativa e de instrución “Juventud de Galicia”. A primeira directiva desta nova entidade estivo formada por Manuel Álvarez Cobas, como presidente, José Lorenzo Cuevas, vicepresidente, Ramiro Vidal Carrera, primeiro secretario; Marcelino Outerelo Rocha, contador; Emilio Mobilla Rodríguez, tesoureiro, Ramiro Martín y Martín e Francisco Sánchez, como vogais.
En maio de 1910 os socios, reunidos en asemblea xeral, aproban os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade. Aínda que nun primeiro momento a idea era crear unha sociedade recreativa para fomentar a irmandade e solidariedade entre os membros da colectividade galega asentada na capital portuguesa, axiña se amplía o seu radio de acción á instrución como un medio para acadar a integración social e obter mellores oportunidades laborais dos seus membros no país de acollida.
Nos anos 20 e 30 a asociación estaba plenamente recoñecida na vida cultural e social de Lisboa e as súas reunións aparecían referenciadas non só na prensa da colectividade española senón tamén na portuguesa. Á vez que mantiña a súa acción solidaria cos asociados máis necesitados, primaba a súa finalidade recreativa como medio para manter os lazos de unión de todos os emigrantes galegos que alí residían. Periodicamente organizaba festas, xantares e homenaxes a intelectuais e persoeiros destacados tanto galegos como portugueses.
En 1955 crea o conxunto coral e artístico “Anaquiños da Terra” para difundir a música e o baile tradicional galego. As súas representacións teatrais e musicais serven para reafirmar a identidade cultural dos e das galegas residentes no país veciño.
“Xuventude de Galicia”, ao longo destes máis de cen anos de vida, organiza numerosos actividades e festas para os socios como o aniversario social, o nadal, o entroido etc. sen esquecer os eventos culturais arredor da celebración do Día das Letras Galegas ou da cultura portuguesa. Destaca tamén polas súas actividades deportivas coa creación dun equipo de fútbol de grandes triunfos nos anos 50 e 60.
Un dos socios máis xenerosos e implicados no desenvolvemento desta entidade foi o empresario de orixe galega, Manuel Cordo Boullosa quen ocupou varios cargos directivos e que en 1988 doou á entidade un fermoso palacete do século XIX, actual sede social. Este pazo é considerado a casa de todos e todas as galegas que visitan a cidade. Alí organízanse na actualidade as numerosas actividades culturais e recreativas organizadas por esta entidade a beneficio dos e das socias do centro e da sociedade lisboeta en xeral.
Esta entidade foi creada o ano 1920 na Habana, cun marcado carácter político, sendo os seus obxectivos principais: a loita polo engrandecemento de Galicia en todos os ordes (o seu lema social foi "todo por Galicia e para Galicia"); acadar unha amplia autonomía para Galicia; propagar a língua galega por todos os medios; a difusión da cultura científica, literaria e artística de Galicia; realizar labores políticas de propaganda e de acción e por último un amplio espíritu feminista, por entender que a muller en Galicia debe ter máis dereitos que os que as leis lles concedían.
Fan o seu programa de acción seguindo os manifestos do Partido Nazonalista Galego e ríxense polo regramento das "Irmandades da Fala" aprobado polo gobernador da Habana.
No ano 1922 o seu conselleiro mayor foi Andrés Rodríguez Orjales, como secretario, Cándido Navarro e no ano 1923 o seu presidente foi Vicente Rebollar.
Os días 2 e 3 de febreiro de 1980 reuníronse en Bruxelas representantes das asociacións de Holanda, Alemaña, Bélxica, Francia e Inglaterra e elaboraron un borrador de Estatutos da Xunta de Organizacións Galegas en Europa (XOGE). Nesta reunión inicial acordouse celebrar o Día de Galicia na emigración e preparar un Congreso de Emigración Galega en Santiago de Compostela. Os días 1 e 2 de marzo reuníronse de novo en París para seguir definindo a XOGE.
O día 29 de novembro de 1981 aproban por unanimidade os seus Estatutos e constitúen formalmente a asociación na sede de Lar Galego de Rotterdam.
Segundo o artigo nº 1 XOGE ten un carácter asistencial, cultural e benéfico-social e tal como indican os artigos 3º e 4º, respectivamente, a súa sede oficial é Santiago de Compostela e o seu idioma oficial o galego.